Xunta de Galicia - Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; Ministerio de Trabajo y Economía Social; Programas integrados de emprego de Galicia
Fundación Naru

Que son os programas integrados de emprego?

Tes máis de 52 anos, estás en situación de desemprego e non sabes por onde seguir? Un Programa Integrado de Emprego de Galicia pode axudarche a retomar a busca con acompañamento, formación e contacto coas empresas. Neste artigo explicámosche como funcionan e como entrar no de Fundación Naru, na Coruña.

 

Que é un Programa Integrado de Emprego?

Os Programas Integrados de Emprego de Galicia están financiados pola Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal. A súa finalidade é mellorar a ocupabilidade e facilitar a inserción laboral de persoas desempregadas que teñen dificultades para acceder a un emprego.

Cada programa dura 12 meses, atende a 100 persoas e combina varias accións: información e orientación, formación, técnicas de motivación para a busca de emprego, obradoiros de entrevista, contacto con empresas, intermediación laboral e prácticas en empresas. Participar é gratuíto.

O Programa Integrado de Emprego de Fundación Naru 2026/2027

Fundación Naru desenvolve na Coruña un programa para persoas desempregadas maiores de 52 anos que queren seguir buscando emprego. Son 100 prazas e un compromiso: que polo menos 40 persoas participantes atopen un emprego.

O que che ofrecemos:

  • Orientación personalizada. Sesións co noso equipo técnico para analizar o teu perfil, fixar un obxectivo laboral e preparar un plan para acadalo. Se tes algunha necesidade concreta, traballámola contigo.
  • Formación. Axustada ao teu sector e ás túas necesidades, para poñer ao día as túas competencias e a túa forma de buscar emprego.
  • Intermediación laboral. Poñémonos en contacto con empresas do teu perfil profesional para que te coñezan.
  • Prácticas en empresas. Se che interesa, podes facer unha estancia nunha empresa para coñecer o posto por dentro e amosar como traballas.

Ademais, recibirás unha bolsa de 10 € por cada día de asistencia presencial ás actividades do programa (orientación, formación…).

Quen pode participar?

Buscamos persoas que:

  • teñan máis de 52 anos;
  • estean en situación de desemprego e en busca activa de emprego;
  • estean inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia;
  • vivan na cidade da Coruña.

Tamén poden participar persoas migrantes desempregadas que teñan permiso de residencia e traballo en vigor. Os requisitos compróbanse na Oficina de Emprego antes da incorporación.

Como entrar no programa, paso a paso

  1. Contacta connosco. Podes escribirnos por WhatsApp ao 610 57 53 52 coa palabra EMPREGO, encher o formulario de programaintegradodeemprego.org ou pasar pola Rúa Mendaña de Neyra, na Coruña.
  2. Comprobamos os requisitos contigo e resolvemos as túas dúbidas.
  3. Oficina de Emprego. A selección faise a través da túa Oficina de Emprego. Se xa estás inscrita como demandante, podes pedir alí o servizo «Programas experimentais (93A)». Nós axudarémosche co trámite.
  4. Alta no programa. Asinas a ficha de alta e comezas coa orientación.

Hai 100 prazas e un prazo limitado para cubrilas, así que canto antes nos contactes, mellor.

Preguntas frecuentes

Custa algo? Non. O programa é gratuíto e, ademais, recibes 10 € por cada día de asistencia presencial.

Garántese un emprego? Non. O noso obxectivo é que polo menos 40 das 100 persoas participantes atopen emprego, e traballamos para acompañarte, pero non podemos asegurar un resultado individual.

Preciso estar inscrita no Servizo Público de Emprego? Si, tes que estar inscrita como demandante de emprego. Se non o estás, axudámosche a ver como facelo.

E se hai outros programas na miña zona?

Hai Programas Integrados de Emprego en toda Galicia e cada un ten os seus propios requisitos. Podes consultar os activos na páxina da Xunta de Galicia e comparar cal encaixa mellor contigo. Se cumpres os requisitos do noso, estaremos encantados de acompañarte.

Escríbenos por WhatsApp ao 610 57 53 52 coa palabra EMPREGO ou visita programaintegradodeemprego.org.

Financiado pola Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.

Xunta de Galicia - Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; Ministerio de Trabajo y Economía Social; Programas integrados de emprego de Galicia; Fundación Naru; Xacobeo 2027

Programa integrado de emprego de Fundación Naru 2026/27, financiado pola Xunta de Galicia (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración) e o Servizo Público de Emprego Estatal (Ministerio de Traballo e Economía Social).

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies