fbpx

Análise DAFO para a búsqueda de emprego

A busqueda de emprego é un proceso que vai moito máis alá de enviar currículos. É un camiño que require autocoñecemento, estratexia e confianza nas propias capacidades. Existen ferramentas e procesos que podes seguir para descubrir o que falta no teu perfil. Unha ferramenta moi útil neste proceso é a análise DAFO, un método que permite coñecer mellor as propias fortalezas, identificar áreas de mellora e definir unha estratexia adaptada ao mercado laboral actual.

Neste artigo explicaremos en que consiste a análise DAFO, como podes aplicala á túa situación persoal e profesional, e de que xeito che pode axudar a avanzar na túa carreira.

Que é a análise DAFO?

A análise DAFO é unha técnica de planificación que se emprega para avaliar a situación interna e externa dunha persoa ou proxecto. O nome vén das siglas:

  • Debilidades
  • Ameazas
  • Fortalezas
  • Oportunidades

As dúas primeiras (Debilidades e Fortalezas) refírense a factores internos, mentres que as Ameazas e Oportunidades son externas, é dicir, elementos do entorno que poden influír na túa busca de emprego.

Ao facer unha análise DAFO, estás creando unha fotografía honesta da túa situación actual. Este exercicio permite deseñar un plan de acción máis realista e eficaz, axustado ás túas capacidades, intereses e ao contexto do mercado laboral.

Paso a paso dunha análise DAFO

Para facer unha análise DAFO deberás plantexar de forma independente cada unha das siglas. Así, deberás pensar en:

Fortalezas

Son os factores internos (os que podes cambiar ti) positivos. Aquí debes identificar todos aqueles aspectos que che dan vantaxe á hora de buscar emprego. Pregúntate:

  • Que habilidades persoais teño? Por exemplo, empatía, capacidade organizativa, resolución de problemas…
  • Que sei facer ben?
  • Que me distingue doutros/as candidatos/as?
  • Teño formación ou experiencia que sexa valorada?

Debilidades

Son os factores internos negativos. Esas cousas que farían que non te contratasen. Neste apartado hai que recoñecer os aspectos que poden dificultar a túa empregabilidade. Non é para desanimarse, senón para poñerlles nome e comezar a traballalos.

  • Necesito mellorar o uso das tecnoloxías?
  • Que me falta para acceder ao tipo de traballo que quero?
  • Teño medo ás entrevistas ou dificultades para falar en público?
  • Hai lagoas no meu currículo?

Oportunidades

Son os factores externos (que non controlas ti) positivos. Aquí inclúense todos aqueles factores do entorno que poden xogar ao teu favor. Podes reflexionar sobre:

  • Coñezo persoas que me poden axudar ou informar de ofertas?
  • Que sectores están medrando en A Coruña e arredores?
  • Hai programas públicos de emprego ou formación para mulleres?
  • Hai axudas de contratación para xente que teña o meu perfil?

Non os podes cambiar pero podes usalos na túa vantaxe.

Ameazas

Son os factores externos negativos. Son elementos que poden complicar a túa busca de emprego, e que non dependen directamente de ti. É importante identificalos para buscar alternativas.

  • Hai sectores en crise?
  • Hai moita competencia nos postos que quero?
  • Están cambiando os requisitos das empresas?

Non podes melloralas pero podes adiantarte a elas.

Como usar o teu DAFO?

Unha vez que tes o cadro completo, podes cruzar a información para deseñar unha estratexia:

  • Potenciar as fortalezas e incorporalas ao teu currículo, entrevista ou perfil de LinkedIn.
  • Reducir as debilidades, buscando formación, apoio ou práctica.
  • Aproveitar as oportunidades, participando en eventos de emprego, obradoiros ou cursos gratuítos en A Coruña.
  • Previr as ameazas, adaptando o teu perfil profesional, abríndote a novos sectores ou adquirindo novas competencias.

Podes facer este exercicio nun caderno ou usar unha táboa sinxela con catro cadrantes. O importante é que sexa honesto e útil para ti.

Análise DAFO para empoderarte

Moitas veces, as mulleres que levan tempo en situación de desemprego senten inseguridade ou cren que non teñen valor suficiente para competir no mercado laboral. A análise DAFO axuda a desmontar eses medos, porque permite ver con claridade que todas temos fortalezas e tamén áreas nas que podemos mellorar.

Este autocoñecemento é o primeiro paso para empoderarte. Se es consciente do que vales e do que necesitas, podes marcar metas máis claras e camiñar con máis decisión cara ao emprego que mereces.

A análise DAFO é unha ferramenta sinxela, pero moi poderosa. Permíteche poñer o foco en ti mesma, descubrir que tes moito que ofrecer e planificar con realismo os seguintes pasos. Para as mulleres de A Coruña que están a buscar traballo, este exercicio pode ser o punto de partida para unha nova etapa máis consciente, segura e estratéxica.

Lembra: o primeiro paso para conseguir un emprego é crer que o mereces. E coñecerte ben é a mellor maneira de comezar.

Deja un comentario